Blogia
ebora

Illa Reunión

 

 

Illa Reunión

CDG

Ana Vallés, logo do peche da Sala Galán, alíase co Centro Dramático Galego para poñer en escena un espectáculo no que se mesturan teatro, danza e música. Con esta montaxe, na que participan 14 intérpretes, ábrese a programación de produción propia do CDG.

Este proxecto artístico inaugural da nova etapa aberta no CDG indaga nas novas formas de expresión escénica e se desenvolve nos límites entre teatro, música e danza a partir do concepto da viaxe e as súas distintas interpretacións como pretexto.

Enmarcada no "Ciclo violeta" que deseñou a Consellería de Cultura e Deporte para este mes de marzo sobre a creación feminina en Galicia, a proposta escénica é exemplo "dunha cultura galega aberta ao mundo e á realidade."

Ana Vallés avanzou que o espectáculo utiliza a idea da viaxe e o mito do viaxeiro como pretexto para unha creación colectiva que funde os límites entre o teatro, a danza e a música e xoga co intercambio de cometidos entre o grupo de intérpretes, que actúan, bailan e tocan en directo distintos instrumentos.

Un elenco de 14 actores, bailaríns e músicos desenvolve unha intensa interpretación coral, que durante toda a obra se mantén nun plano paralelo ao das intervencións individuais. Nestas, os intérpretes comunican historias reais, propias e alleas, fundamentadas nos sentimentos contraditorios desatados por viaxes transcendentais nas súas vidas.

A acción desenvólvese nun espazo escénico diáfano, que concede gran protagonismo aos matices da luz deseñada por Baltasar Patiño e ao especial plano sonoro que aporta a música en directo dos instrumentos de vento (bombardino, trompeta, tuba) e de percusión que empregan músicos e actores.

0 comentarios